O Campiño



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

Este topónimo ten a súa orixe no latín campu. As palabras campo, leira e veiga son as máis comúns para designar o lugar de plantación que rodea as casas e lugares. No noso concello campo é un dos topónimos máis numerosos.
A terminación -iño é un sufixo que procede do latín -inu. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia (Campelo), mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo.
No Viso atopamos diversas formas deste topónimo: O Campo, Os Campos, Campo de Arriba e O Campo de Saramagoso (Saramagoso).
Por outros lugares de Galicia atopamos variantes como Campelo (tamén diminutivo), Campeliño (con dobre sufixo diminutivo -elo, -iño), Camposa, Campocelo, e en innumerables composicións como Campo da Longra (Cedeira), Campo da Roda (Reboreda), Campolongo, Campochán etc.
Na documentación histórica do Viso aparece no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644, como O Campiño e O Campiño de Baixo: "Bouçón = Item la eredad que ansí mismo se dize do Campiño de Baixo que está sserrado y sircun[dado]".