O Sobreiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

Sobreiro é a denominación pouco frecuente en masculino da árbore que de forma maioritaria e normativa se chama sobreira en Galicia.
Tanto sobreiro como sobreira (Quercus suber) proveñen do latín suberaria, derivado á súa vez do latín clásico suber. O termo latino suber foi ampliado na maior parte dos territorios co sufixo -aria, -ariu, co que se obtivo o derivado suberaria, suberariu, do que procede sobreira, sobreiro. O sufixo latino -ariu, -aria derivou en galego en -eiro, -eira e aplicouse a moitos e variados conceptos do noso léxico, entre eles os nomes das árbores: laranxeira, limoeiro.
Normalmente nomea árbores illadas. Cando aparecen formando un bosque as denominacións colectivas que se empregan de forma maioritaria por Galicia están representadas en topónimos como Sobral (sobre o latín clásico suber), Sobreiral, Sobredo e mesmo Sobroso e Sobrosa.
En Redondela están recollidos Sobreiro en Cedeira e Cesantes, e As Sobrosas en Saxamonde.
En Galicia están rexistrados máis de cincocentos lugares como topónimos a partir do nome desta árbore.
Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761, e, anteriormente, no Libro de apeos da casa de Soutomaior, de 1644: "La heredad que se dice do Sobreiro". "Entesta en la veiga que llaman de la Lumbre (Recollida na actualidade como Veiga do Lume) de la iglesia de dicha feligresía y la divide la congrosta que va de la aldea de Tuimil para donde llaman la Fonte da Laxe y finca en el río que llaman de Rigueiro da Mo y con una esquina donde está un sobreiro grande dentro del a finca en el monte que llaman da Gándara".