As Veiguiñas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Nogueira
DA PARROQUIA DE
O Viso

Unha veiga aparece definido no Dicionario da Real Academia como un terreo baixo, amplo e fértil, xeralmente ás beiras dun río. O sinónimo máis inmediato que manexamos é leira para designar os campos de cultivo. A orixe da palabra veiga é prerromana. Para algúns autores viría do ibero vaika 'veiga' derivada do substantivo vai 'río' co sufixo -ka 'zona do río'. Para outros estudosos pode provir da composición (terra) ibaika 'terreo á beira dun río'. En éuscaro actual, río dise ibai, en castelán vega. A terminación -iña é un sufixo diminutivo que procede do latín -ina. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, -iña, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo. Na documentación histórica relativa ao Viso podemos atopar este topónimo no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1761: "La duodécima parte de un ferrado de labradío regadío de tercera calidad al sitio das Veiguiñas. Linda Levante, Poniente y Norte murado, Sur el dueño".