As Cacharelas



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Carballiño
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Referido á toponimia, como nome de propiedades, é unha palabra derivada do verbo cachar, co significado de preparar un terreo inculto, xeralmente un monte, para cultivalo, ou labrar por primeira vez unha terra que antes non fora cultivada. Para algúns autores, o verbo cachar podería provir do latín coloquial *casculare 'romper, crebar'; para outros autores proviría do latín coloquial *capulare, que ten a súa orixe no latín culto capulus 'rabela ou mango curvo do arado'.
Segundo o autor Gonzalo Navaza, a palabra cacharela é unha variante de cachadela, forma diminutiva de cachada.
Estas cachadas teñen a súa orixe nos terreos incultos de monte ou matogueiras que se preparan -cachan- para o cultivo. Cando as necesidades de aumento de plantacións obrigaban a gañar novos terreos para o cultivo, cavábanse para poñelos a producir. Isto tivo lugar sobre todo a partir da chegada de novos produtos tras a conquista de América, principalmente as patacas e o millo.
Rotea ou Arrotea, Cavada, Cachada, Rozada, Noval, Vesada, Estibada, Asucada? son topónimos que conservamos na actualidade relacionados coas diferentes formas de chamarlle a ese traballo agrícola. En Redondela existe o lugar da Cacharela en Cedeira e Reboreda, e O Cacharelo en Saxamonde.
En Galicia están rexistrados máis de oitenta lugares tanto en feminino como en masculino, a maioría deles na zona occidental do noso territorio. Todos os concellos da ría de Vigo, por exemplo, teñen estes topónimos rexistrados.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo na súa forma singular "A Cacharela".