A Rúa do Alto



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Carballiño
DA PARROQUIA DE
Cesantes

A Rúa do Alto denomina na actualidade o vieiro que comunica o barrio do Carballiño co Alto de Ostrás. A palabra rúa, na antigüidade, denominaba os camiños de carro, e deste senso provén por exemplo o refrán tradicional que di "Quen testa na rúa sérvese pola súa", en referencia a que quen ten unha propiedade que dá a un camiño non necesita servirse do dereito de paso polas propiedades doutros veciños. Mais para a denominación de lugares concretos, a palabra rúa tamén pode referirse a un grupo de casas dispostas ao longo dun vieiro. O Alto, refírese ao que hoxe denominamos o Alto de Ostrás, onde se atopa o núcleo principal de Cesantes, ao carón da estrada nacional N-550. Polo tanto a Rúa do Alto denominaría a agrupación poboacional que se atopa neste lugar. Un referente elevado con respecto ás terras que descenden cara ao mar. Rúa provén do latín ruga, que significaba nun principio 'suco, engurra' e que no latín medieval pasou a denominar tamén os camiños, quizais pola semellanza a sucos practicados na topografía. As palabras rugoso e rugosidade, por exemplo, tamén proveñen do latín ruga. En Reboreda temos o lugar chamado Rúa Alta. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado en Cesantes este topónimo como "Rúa do Alto".