A Viña Vella



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Carballiño
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Unha viña é unha plantación de vides ou videiras, proporciona o viño da casa e o que se vai destinar para a comercialización nas propiedades con maior produción.
A palabra viña provén do latín vinea 'plantación de videiras'.
O topónimo Viña vai acompañado normalmente de palabras que particularizan a súa localización, os seus posuidores ou as súas características: A Viña Ancha (Quintela), As Viñas de Abaixo (Arteixo), As Viñas do Marelo (Castrelo do Val).
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, aparecen topónimos como As Viñas, As Viñas de Arriba, As Viñas de Abajo, Viña Vella, Viñiña, Viñiña Vella.
É un topónimo moi habitual por toda Galicia, con milleiros de formas e composicións.
Pola súa parte, a palabra Vella provén do latín vetus 'vello' ao que se lle engadiu o sufixo diminutivo latino -ulu, -ula, o que deu vetulu, vetula, de onde proveñen os actuais vello, vella. Este sufixo levou a un resultado evolutivo semellante noutras palabras como oculu > ollo, especulu > espello, articulu > artello etc.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado en Cesantes este topónimo.