A Porta Levada



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Carballiño
DA PARROQUIA DE
Cesantes

O topónimo Porta ou Porto aparece referido ao paso por un lugar ou entrada nun determinado espazo xeográfico. Provén do latín portu, porta 'paso, pasaxe, entrada'. A forma masculina Porto é máis frecuente en lugares de paso de ríos e de montañas (onde tamén se emprega Porta, Portela e Porteliña).
O adxectivo Levada pode provir de ser un lugar de paso cuberto e elevado, ou por estar nunha parte elevada do terreo, xa que se atopa na parte alta do camiño real de Cesantes, na entrada ao núcleo principal da actualidade. A existencia doutro topónimo Porta Levada de Abaixo, situado nunha zona baixa do camiño que comunica coa zona superior onde se atopa o lugar de Porta Levada apunta a esa segunda interpretación. A forma Levada provén da perda da sílaba inicial da palabra Elevada, que ten a súa orixe no participio verbal latino elevata 'elevada, levantada'. Polo tanto, este topónimo, na súa orixe foi Porta Elevada.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, aparece como "Porta Alevada", no que o "e" inicial de Elevada se transforma en "a" por asimilación fonética do "a" final de Porta (Porta Elevada > Porta Alevada). Posteriormente os dous "a" (final de Porta e inicial de Alevada) contraen nun só "a", de aí que na actualidade teñamos a palabra Levada, sen "a" inicial. Xa que logo, no rexistro documental que posuímos do século XVIII podemos observar o paso intermedio entre esa asimilación fonética e a desaparición posterior da sílaba inicial.
Neste mesmo catastro aparece outra denominación simple A Porta, que non sabemos se se refire ao mesmo lugar.
En Redondela podemos atopar numerosos topónimos semellantes con Porto e Porta e que fan referencia a lugares para o paso ou entrada: Porta Cedeira (Cedeira) Veiga da Porta (Quintela) e A Porta do Caballero (Reboreda), Porto Cabeiro (Cabeiro), Muíño do Porto (Quintela), Regueiro do Porto (Quintela), A Portela (Cedeira), Portelo do Supazo (Saxamonde), As Porteliñas (Saxamonde).