O Carballiño



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Carballiño
DA PARROQUIA DE
Cesantes

A orixe da palabra carballo é incerta, aínda que os diferentes autores coinciden en que sería prerromana, moi asentada en todo o territorio galaico antes da chegada do latín para denominar esta árbore tan común a abundante, polo tanto, con máis de dous mil anos de antigüidade no noso vocabulario. Hai autores que a fan derivar da palabra base "carba", á que se lle engadiría o sufixo -ALIU. A forma latina que trouxeron os romanos deriva de robore, que deu en castelán "roble", pero que non temos como palabra galega na actualidade, aínda que si deixou pegada na toponimia con formas como o da nosa Reboreda, Rebordaos, Rebordiño, Rebordechao etc. A terminación -iño é un sufixo con significado diminutivo que procede do latín -INU. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo. En Galicia a palabra carballo e os seus derivados contan cunha importante presenza na toponimia: Carballeira, Carballedo, Carballido, Carballal, O Carballiño, Carballoso etc. En Redondela atopamos o mesmo topónimo O Carballiño en Cedeira, e variantes como A Carballa (Cedeira), Carballeira (Cedeira), Carballida (Cedeira), Carballal (Quintela). No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.