A Leira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Formiga
DA PARROQUIA DE
Cedeira

O significado do substantivo leira é o dun terreo de labranza. Con todo, aínda que o seu significado é transparente, a etimoloxía é controvertida. Como explica Cabeza Quiles a primeira proposta tira a voz galega leira da latina GLAREA "terra areosa e estéril, terra de cascallo", base do castelán glera. Esta hipótese é improbable, porque unha leira é todo o contrario a unha terra estéril e improdutiva. A segunda proposta parte dunha raíz indoeuropea *PLAR "chaira, solo, pavimento, campo", afín ao latín PLANUS. Esta raíz, tras a perda do p- inicial normal nas linguas celtas, daría, cunha sufixación -IA, segundo Corominas e Pascual, LARIA "extensión de tierra llana", o celtismo portugués e galego de onde provén leira e outros cognados de linguas celtas: irlandés antigo lar, irlandés moderno lár, galés llawr, escocés làr, córnico antigo lor, bretón antigo laur e bretón moderno lawr; todos co sentido de "chaira, campo". Aínda que a etimoloxía sexa celta, os topónimos que conteñen estas voces non teñen que ter súa orixe no tempo dos celtas porque leira é hoxe unha voz común que puido ser utilizada como nome de lugar en calquera tempo histórico.