A Ballota



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
A Portela
DA PARROQUIA DE
Cedeira

Para Cabeza Quiles, Ballota é un topónimo difícil para o cal non hai unha explicación segura. Podería referirse a unha pequena propiedade agrícola dunha persoa apelidada ou alcumada (O) Ballote, nome que se lle puido aplicar a alguén que por estar especialmente gordo e fose comparado cun ballote, bolo de fariña de millo tamén chamado bolo do pote por cocerse no caldo. A este respecto, hai unhas casas de turismo rural situadas a carón da vila coruñesa de Rianxo denominadas dos Ballotes, alcume da familia que as rexenta, que tamén podería referirse á palabra ballote co significado de "hombre pobre, de poco haber [...], de mal gobierno", dado por Juan Sobreira Salgado e recollido no Dicionario de Dicionarios. Outra posibilidade sería que Ballota fose un derivado do nome persoal feminino Baia ou Balla (Eulalia), como Marcote deriva de Marcus e Marnote de Marinus. Tamén cabería a posibilidade de que Ballota agochase unha alteración do topónimo Pallota, frecuente no Nomenclátor de Galicia, que designa un antigo alpendre ou construción rústica para gardar o carro e aveños de labranza. Este topónimo non aparece nin no dicionario de Madoz (1845) nin no de Carré Aldao (ca. 1928). No Nomenclátor aparece por primeira vez no ano 1930 como Bellota, forma errada por influxo do castelán que aínda persiste en 1991. A Ballota da parroquia de Cedeira atópase no barrio de A Portela e os veciños na pronuncia refírense a ela como A Bellota. Tamén se rexistran o Lavadoiro da Ballota, A Fonte da Ballota e o Camiño da Ballota.