O Pumar



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Cruceiro
DA PARROQUIA DE
Cedeira

O Pumar é un derivado do substantivo pomar, que designa un "terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras" (dicionario da Real Academia Galega). Procede do latín POMARE, variante de POMALE. En galego aínda está vivo o significado xenérico de "horta con árbores froiteiras" e é este o significado co que aparece nos documentos medievais. Así, no Tombo de Celanova, nun folio do ano 961 dise: ?ipsum pummarem cum suo terreno et suas mazanarias?. Na parroquia de Cedeira rexístrase O Pumar no barrio de A Portela e no de O Cruceiro. Neste último barrio tamén se atopan as formas en diminutivo Pumariño de Arriba e Pumariño de Abaixo. No Nomenclátor de Galicia aparecen 25 lugares denominados O Pumar e outros 58 que conteñen o substantivo: sen artigo (Pumar), coa forma diminutiva (O Pumariño, Pumarín) e outros (Pumares, A Veiga do Pumar etc).