A Veiga



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Padrón
DA PARROQUIA DE
Saxamonde

Os topónimos A Veiga fan referencia a un "terreo baixo, amplo e fértil xeralmente ás beiras dun río" ou a un "terreo de cultivo". Vén do substantivo veiga, considerado unha voz prelatina, crese que a orixe de veiga hai que buscala no ibero VAIKA "veiga", de VAI "río" e o sufixo -KA "rexión do río" ou na expresión (TERRA) *(I)BAIKA "terreo á beira dunha corrente de auga", emparentada coa voz vasca ibai "río". Como sucede no caso de val, non é doado saber se a aplicación toponímica obedece a unha acepción topográfica ou apunta cara a unha "propiedade rústica situada nese espazo". Na parroquia de Saxamonde rexístranse numerosos topónimos formados por Veiga e outro elemento como parte dun composto. No barrio de Padrón están A Veiga da Eira, A Veiga de Arriba, A Veiga de Valentín, A Veiga do Balado e A Veiga dos Campos. No barrio de Os Valos están A Veiga da Porta e Veiga dos Puchos. No barrio de Souto está A Veiga Grande. Finalmente, no barrio de Casal do Monte están A Veiga da Fonte, onde está a Fonte de Vilanova, Veiga do Monte, A Veiga Grande, As Veigas Grandes e As Veigas Longas.