Eido



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Castiñeira
DA PARROQUIA DE
Ventosela

Esta palabra procede do latín ADITUM, participio do verbo ADIRE "engadir": un eido, pois, sería o terreo engadido que rodea a casa ou está próximo a ela. Mais tamén pode ser un terreo de cultivo, sen máis. Eido é un compoñente moi recorrente de topónimos compostos. Así temos: o Eido do Rial (na zona do Rial). O Eido de Pilar (na Carosa, Castiñeira), o Eido do Xil (na Revolta), Eido Ramón (A) e o Eido de Pelaya (A), estes últimos sen localizar. De todos eles, comentar que Xil foi un nome común no pasado, aínda que hoxe en día non o sexa tanto. E que Pelaya é a forma castelá de Paia, feminino de Paio, un nome hoxe practicamente desaparecido, mais que tivo moita presenza na Idade Media na diocese de Tui, como queda de manifesto na veciña parroquia de Reboreda, onde se honra a Santo Paíño. Gonzalo Navaza, na toponimia de Reboreda, conta que o neno Paio (séc. X), con só trece anos é levado como refén a Córdoba, onde foi martirizado. Tras a súa morte, o seu tío, o bispo Hermoixio de Tui, fixo construír en Albeos (Crecente) un mosteiro na súa honra. E tamén temos o Eido da Perica (A: toxal e labradío) e o Eido da Reina (A: labradío), ambos sen localizar. Unha perica, apelativo moi común aínda hoxe para referirse cariñosamente ás nenas, é unha ovella nova mais que xa non mama.