Monte Pousado



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Estamos ante un topónimo viario, é dicir, vinculado aos camiños, e ao mesmo tempo tamén referido á orografía do lugar. Na parte alta deste monte está encravada a aldea do Coto (nome que, á súa vez, fai referencia á parte máis elevada dun monte).
Pousado provén do participio verbal latino pausatu 'pousado, pausado', pertencente ao verbo pausare 'pousar, pausar', derivado do substantivo latino pausa 'pausa'. As palabras modernas pouso, repouso, pousar, repousar, pousada, pousadeiro, pousadoiro (pousadouro na nosa zona) pertencen a esta familia léxica. As palabras pausa e pausado son formas modernas cultas desta mesma orixe.
A subida á aldea do Coto conta cunha costa bastante pronunciada que obrigaría a facer unha parada para repousar e pousar a carga que se transportase. Normalmente pode atoparse no medio da subida ou ao final da costa na zona máis chaira.
Na veciña parroquia de Reboreda hai outro lugar denominado Pousadouro, que ten o mesmo significado e queda no alto da subida desde a vila polo camiño de Ventosela. Na parroquia de Chapela tamén temos o camiño do Pousadouro, que sobe de forma pronunciada desde a avenida de Vigo cara á avenida de Redondela. En Cedeira temos o monte do Pousiño e en Quintela o lugar do Pouso.
No veciño concello de Vigo atopamos o topónimo Pousafoles, que era o primeiro remanso de descanso dende a subida do río Lagares ata a avenida da Gran Vía.
A orografía tan accidentada de Galicia fai que teñamos rexistrados máis de mil topónimos a partir da palabra pouso: Pousiño, Pousonciño, Pousadela, Chao da Pousa etc.