O Coruxo



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Na referencia oral deste topónimo tamén aparece denominado como A Coruxo, con artigo feminino; non obstante, o nome oficial que reflicte o indicador é O Coruxo.
Aínda que teña unha semellanza formal co nome da ave coñecida como coruxa, probablemente non se refira a este animal, nin tampouco ao nome do peixe co que tamén se coñece en Redondela e Vigo, senón que sexa unha palabra que proveña dunha base léxica prerromana *kor- 'monte, elevación, promontorio rochoso'. Este topónimo localízase a carón da aldea do Coto, que se caracteriza por estar situado nun lugar elevado. O autor Cabeza Quiles pon esta base léxica en relación con outros topónimos prerromanos existentes por Galicia que fan referencia a lugares con elevacións pedregosas, como Corrullo (Lourenzá), Corrubedo (Ribeira), Coroso (Ribeira) ou Corme (Ponteceso). Para algúns autores, a parroquia de Vigo tamén denominada Coruxo recibe este nome das elevacións pedregosas que caracterizan o seu territorio.
En Galicia están rexistrado arredor de sesenta lugares co nome de Coruxo e a súa variante Curuxo.