Zacande



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
San Pedro
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Estamos ante un posible antropónimo, é dicir, un nome de lugar que provén do nome dunha persoa. En ocasións as denominacións de territorios (lugares, barrios, parroquias etc.) teñen a súa orixe no nome da persoa propietaria, como ocorre con Xote (con orixe no nome latino iottus), no barrio do Coto, ou coa denominación do barrio de Souto Xuste (do nome latino iustus 'Xusto'), na parroquia do Viso.
No ano 885 aparece rexistrado o nome xermánico Sisacandus, que chega a nós latinizado a través da súa forma do xenitivo Sisacandi. A partir desa forma latina, o nome sofre unha redución perdendo a súa primeira sílaba e a terminación -i pasa a -e, como ocorre normalmente na evolución dos xenitivos latinos.
O xenitivo era a forma da palabra (denominada caso) que se empregaba para indicar, entre outros, o significado de posesión. Deste xeito, unha forma léxica Sacandi referiríase a un territorio que pertencía a unha persoa chamada Sacandus.
Na documentación sobre Cesantes a partir do século XVI aparecen distintas variantes deste topónimo: Secande, Sacande, Zacande.
A forma actual Zacande con z é o resultado dunha contracorrección fonética que se produciu a partir da aparición na lingua deste novo son. Nalgunhas palabras que se pronunciaban con s, interpretábase este son como un seseo que as persoas tentaban corrixir adaptándoas ao novo son z. Un fenómeno fonético aínda hoxe presente na lingua en palabras como *zalouco en lugar de salouco, *pallazo en lugar de pallaso etc.
No concello de Meis, no Salnés, existe tamén un lugar chamado Zacande.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado tamén en Cesantes este topónimo baixo a forma de ?Sacande?.