A Trigueira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

A palabra trigueira é un derivado de trigo, ten a súa orixe no latín triticu, que procede de tritu, participio do verbo de terere 'mallar, triturar'. A palabra trigo conservouse en galego, portugués, castelán e sardo, principalmente. Outros idiomas adoptaron outras palabras: o catalán blat, o francés blé, ambas de orixe céltica; ou o italiano frumento e grano, de orixe latina.
A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ariu, -aria. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados. Por exemplo, para denominar árbores e plantas: laranxeira, limoeiro, meloeiro, figueira etc. A maiores doutras posibles derivacións, no caso da palabra que nos concirne, Trigueira, o sufixo -eiro e -eira engade sentido de abundancia ou colectivo, como en carballeira, xesteira, herbeiro etc.
En Galicia atopamos varios centenares de topónimos con diversas variantes: Trigo, Trigueira, Trigueiriña, Trigais, Trigás, Trigariza etc.
En Redondela temos o topónimo Trigueira en Cedeira, Negros e Saxamonde, ou A Chan do Trigo en Cedeira.
Este topónimo aparece no século XVI nun Foro a Pedro de Regadas, de 1544. Tamén está recollido no Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, en Cesantes este topónimo.