O Rabiño



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
San Pedro
DA PARROQUIA DE
Cesantes

O topónimoRabiño provén da palabra rabo, que ten a súa orixe no latín rapu. A terminación -iño é un sufixo diminutivo que lle engade un significado de tamaño pequeno.
Este sufixo procede do latín -inu. Durante os primeiros séculos da implantación do latín no territorio galaico, o sufixo diminutivo predominante era -elo, -ela, aínda hoxe con notable presenza na nosa toponimia, mais a partir do século XI o sufixo diminutivo predominante pasou a ser -iño, hoxe en día xa case única na derivación de calquera palabra ao seu correspondente diminutivo.
En Redondela existen outros dous topónimos con terminacións diminutivas a partir da palabra rabo: O Rabelo (Cabeiro), Rabela (Cedeira) e O Rabicho (Cedeira, Vilar de Infesta). Nestes casos a interpretación tería que ver coa forma estreita e alongada das leiras, nalgunhas ocasións tamén curvadas, o que as semellaría á forma do rabo animal.
O topónimo O Rabiño que temos en Cesantes está situado no remate do monte da Telleira. Con esta denominación son coñecidas as leiras que están por encima da praia Vella, así como a propia praia Vella, que tamén é coñecida como praia do Rabiño. O remate do monte da Telleira sobre o mar tamén se denomina Punta do Rabiño, polo que non podemos desbotar que o topónimo poida facer referencia tamén ao remate en punta do monte da Telleira.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado en Cesantes este topónimo.