O Pereiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo pode ter dúas posibilidades de significación. Por unha parte, a propia palabra nos remite ao nome da árbore que produce peras; por outra, tamén pode ser unha variante de pedreira, canteira. Será a visualización do lugar o que nos dea a pista de se se trata dun terreo de extracción de pedra ou de plantacións de árbores froiteiras.
Cando a pescuda visual non sexa suficiente, será a memoria da veciñanza a que poida darnos maior claridade a este respecto.
Se se tratar dun lugar poboado de pereiras, esta palabra provén do latín pirariu, que deriva á súa vez do termo latino pira 'pera'.
Se se tratar dunha pedreira, o topónimo Pereiro tamén sería semellante ao topónimo Pereira, con este significado, e terían a mesma orixe no latín petrariu, petraria. Na evolución do latín ao galego as formas petrariu, petraria pasan a pedreiro, pedreira, que poden manterse como tal ou perderen o -d- e resultaren pereiro, pereira, co significado de lugar poboado de pedras. Esta perda do -d- tamén se produciu no nome Pedro, que ten o seu correlativo Pero na Idade Media (cfr. trobador Pero Meogo) e que deu lugar oa apelido Pérez.
O sufixo latino -ariu, -aria, que dá o actual sufixo -eiro, -eira, engade sentido de abundancia ou colectivo: carballeira, xesteira, herbeiro etc.
Este topónimo, calquera que fose o seu significado, ten unha abundante presenza en toda Galicia, con varios milleiros de denominacións e variantes.
En Redondela atopamos este mesmo topónimo en Saxamonde, e unha variante diminutiva Pereiriño (Cedeira).
No libro dos Foros que fai Urraca de Moscoso, de 1548, xa aparece rexistrado este topónimo en Cesantes.