A Pereira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo pode ter dúas posibilidades de significación. Por unha parte, a propia palabra nos remite ao nome da árbore que produce peras; por outra, tamén pode ser unha variante de pedreira, canteira. Será a visualización do lugar o que nos dea a pista de se se trata dun terreo de extracción de pedra ou de plantacións de árbores froiteiras.
Cando a pescuda visual non sexa suficiente, será a memoria da veciñanza a que poida darnos maior claridade a este respecto.
Se se tratar dun lugar poboado de pereiras, esta palabra provén do latín piraria, que deriva á súa vez do termo latino pira 'pera'.
Se se tratar dunha pedreira, o topónimo Pereira tamén sería semellante ao topónimo Pereiro, terían a orixe no latín petraria, petrariu. Na evolución do latín ao galego as formas petrariu, petraria pasan a pedreiro, pedreira, que poden manterse como tal ou perderen o -d- e resultaren pereiro, pereira, co significado de lugar poboado de pedras. Esta perda do -d- tamén se produciu no nome Pedro, que ten o seu correlativo Pero na Idade Media (cfr. trobadores Pero Meogo, Pero Gonçalves) e que deu lugar ao apelido Pérez.
Este topónimo, calquera que fose o seu significado, ten unha abundante presenza en toda Galicia, con varios milleiros de denominacións e variantes.
En Redondela atopamos este mesmo topónimo en Cabeiro, Cedeira, Negros, Reboreda, Saxamonde ou Vilar de Infesta.
Variantes: As Preiras (Negros e Vilar de Infesta) (por desaparición dunha vogal, como ocorre en palabras como vran por verán, pra por para ou esprito por espírito) e Pereiriño (Cedeira).
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado en Cesantes o topónimo As Pereiras.