Pedrás



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo deriva da palabra pedra. Pedrás é o plural de pedral, sinónimo de pedregal, lugar cuberto de pedras. A orixe está no latín PETRA, ao que se lle engade o sufixo -ALE cun significado abundancial ou colectivo, como aparece en toxal, carballal, xestal etc. O topónimo Pedrás está rexistrado no barrio do Coto no mesmo lugar en que se sitúa tamén o topónimo A Canteira. O plural destas palabras agudas rematadas en -al deu en galego varias solucións. A formación plural orixinal (pedrales, ostrales, toxales, piñeirales) perde, no galego máis antigo, o L intervocálico (como en tantas outras palabras como muíño < MOLINU, vixiar < VIGILARE, pau < PALU etc.). Esta perda do L intervocálico levou unha primeira aparición dun plural rematado en dúas vogais: *pedraes, *ostraes, *toxaes, *piñeiraes, que posteriormente presentaron unha dobre evolución. Na zona oriental de Galicia pasou a rematar en -ais (pedrais, ostrais, toxais, piñeirais) e no resto do territorio reduciuse a unha soa vogal: pedrás, ostrás, toxás, piñeirás. O galego actual tomou como normativa a terminación -ais. A terminación en -ás aínda se conserva na fala nalgúns lugares de Galicia en palabras como catedrás, reás (que mesmo monotonga en ras) etc. Pero, pola contra, a toponimia garda esta terminación en moitas denominacións de lugares: Os Carrizás (Vilar de Infesta), Currás, Xuncás, Viñás, Trigás, Toxás etc. Con esta terminación, en Cesantes temos rexistrados os topónimos Ostrás, Novás e Pedrás. En Vilar de Infesta tamén aparece o topónimo Os Carrizás. En Galicia están rexistradas varias decenas de topónimos baixo a forma de Pedral e o seu plural Pedrás e Pedrais por todo o territorio. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, xa aparece rexistrado en Cesantes este topónimo.