A Pantalla



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este topónimo provén do monumento conmemorativo ou posible leguario (medidor de distancias en leguas da antigüidade, equivalente a 5.572 metros) que existe ao lado da N-550, no comezo da costa do Pereiro. A forma que presenta, a modo de gran pantalla pétrea, orixinou a denominación deste lugar do barrio do Coto: A Pantalla.
Pola súa morfoloxía, habería que poñelo en relación con outras dúas construcións máis pequenas deste estilo que existen en Vilavella, na ponte sobre o río Maceiras, denominadas "marcas do rei". Ambas as tres construcións son moi semellantes na forma, aínda que difiren no tamaño, xa que esta da Pantalla é de moita maior dimensión e tamaño. As tres construcións presentan varias liñas escritas, que foron repicadas para intentar borrar as inscricións que hai nelas. A Pantalla contiña un mínimo de seis liñas, hoxe en día ilexibles. As "marcas do rei" de Vilavella conseguiron conservar, a pesar da agresión do repicado que sufriron, algunhas palabras que nos permiten contextualizalas: nunha delas lese a palabra "reinando el señor Carlos IV" e na outra unha data: MDCCCVII "1807", e farían referencia a este monarca, promotor do acondicionamento como camiño real principiado a finais do século XVIII.