A Milleira



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Unha milleira ou milleiro é unha leira plantada de millo. A palabra millo ten as súa orixe no latín MILIU "moído". A terminación en -eiro, -eira procede do latín -ARIU, -ARIA. Trátase dun sufixo moi empregado na derivación de palabras e que lles proporciona distintos significados; neste caso, para denominar un lugar onde se atopa este tipo de plantación, como sucede en herbeiro, canteira etc. En Galicia temos dous tipos principais de millo: un millo miúdo e un millo groso. Hoxe en día o millo groso é o maioritario. Este millo groso foi o que chegou da América tras a conquista do continente, antes aquí non existía. Ata ese momento aquí tiñamos un millo de grans miúdos co que tamén se elaboraba fariña e pan. Cando chegou o millo groso americano, foi substituíndo pouco a pouco o noso millo autóctono, presente no territorio desde época castrexa. Incluso adoptou tamén o nome do noso millo ancestral e pasou a denominarse da mesma maneira, só distinguidos polo cualificativo posterior: millo miúdo, para o autóctono, e millo groso, para o americano. A millarada en Cesantes ten a acepción millo basto, de media altura, que non se deixa medrar ata facer pendón e se corta para forraxe de animais. Noutros lugares de Galicia tamén se denomina millo do gando ou millo pallagueiro. A toponimia actual que teña referencias a plantacións de millo, como milleiro, millada, millarada etc. está presente xa desde a Idade Media nos documentos, polo tanto son palabras cunha antigüidade superior á do millo groso que coñecemos na actualidade como máis habitual nas nosas plantacións, que foi suplantando, como xa apuntamos, o millo autóctono. En Redondela temos máis topónimos derivados de millo: Millarada (Cabeiro, Vilar de Infesta), Millerada (Quintela). No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas, de 1763, aparece recollido en Cesantes o topónimo Milleiro.