A Lagoa



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Este é un topónimo con moita presenza en toda Galicia motivado pola orografía dos terreos, o que permite a acumulación da abundancia de auga que existe ao longo do ano. Pode nomear a existencia dunha lagoa como tal ou de terreos con abundante auga. A súa orixe está no latín lacuna. Na evolución da palabra no noso idioma, o -N- intervocálico desaparece, como lles ocorre a moitas das palabras máis antigas da nosa lingua como moeda (lat. moneta), lúa (lat. luna), soar (lat. sonare). En Galicia están recollidos máis de dous mil topónimos con esta base léxica, a partir da cal se desenvolven variantes como Laguiña, Lagoeiro, Lagoela etc. En Redondela tamén ten unha gran presenza nas nosas parroquias: Cabeiro, Cedeira, Negros, Quintela, Saxamonde, O Viso ou Vilar de Infesta. No Foro que fixo o apoderado de Pedro de Sotomayor a Lorenzo de Lobelle (1549) xa aparece rexistrado este topónimo, localizado con precisión: "heredad da Lagoa junto al río que se mete en la marea por debajo del puente Esteyro".