O Picho



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
San Pedro
DA PARROQUIA DE
Cesantes

O picho é o cano ou billa por onde verte a auga unha fonte. Neste lugar temos tres elementos denominados deste xeito: a fonte do Picho, o lavadoiro do Picho e o regato do Picho, que leva as augas da fonte e o lavadoiro cara ao río Pexegueiro.

A palabra picho posiblemente poida provir dunha voz onomatopeica *picc- ou *bicc- 'punta, pico', e fai referencia á forma bicuda e sobresaínte dos pichos.

A palabra fonte provén do latín fonte e aparece continuamente por calquera recanto de todas as parroquias de Galicia. Pode aparecer como palabra illada, aínda que o máis normal é atopala acompañada de calquera outra identificación que nos precisa o seu significado. Pode ser un adxectivo (Fonte Cova en Ventosela), un localizador topográfico (Fonte do Cocho en Cedeira), ou referente a unha persoa (Fonte do Frade en Cesantes) etc.

A palabra lavadoiro 'lugar ou pía onde se lava a roupa' provén do latín lavatoriu, derivado do verbo lavare. O sufixo latino -oriu deu en galego -oiro, e emprégase, entre outras posibilidades, na derivación de verbos para indicar lugares onde se realiza a acción descrita por ese verbo: bebedoiro, abrigadoiro, ancoradoiro etc.

O topónimo Picho aparece rexistrado en máis de trescentos lugares de Galicia.