As Folgosas
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes
Para explicar con maior claridade a orixe e significado deste topónimo temos que remontarnos a unha base latina filix, filicis 'fento, felgo', que lle deu nome a unha das plantas máis abundantes nos nosos montes: o fento.
Sobre esta base latina desenvolvéronse variantes que deron lugar a diferentes palabras na actualidade. A partir dun derivado latino filicosa naceu este topónimo actual Folgosas. En Galicia atopamos outras variacións deste topónimo en masculino como Folgoso ou Felgoso. A presenza da vogal o na primeira sílaba explícase porque o f inicial da palabra, ao pronunciarse na parte dianteira da boca (entre os dentes e os labios) provoca a aparición da vogal o, que tamén se pronuncia na parte dianteira da boca, fronte á vogal i, que se pronuncia na parte traseira da boca. Este fenómeno fonético de desprazamento dunha vogal de atrás cara a adiante vese tamén noutras vacilacións como semana > *somana, separar > *soparar etc.
A terminación -osa provén do sufixo latino -osu, -osa, que ten un significado colectivo ou abundancial, como ocorre noutros topónimos: A Ramallosa (Nigrán), A Xestosa (Covelo), As Sobrosas (Saxamonde) etc.
A variante latina filictu foi a que deu lugar ao nome actual fieito, con desaparición do L intervocálico, como ocorre en palabras como muíño (lat. molinu), voar (lat. volare). Desta variante latina tamén procede a palabra fento, quizais a través dunha variante do latín vulgar *finictus.
Outra variante latina filictaria, con sufixo colectivo -aria, deu orixe ao topónimo actual Fieiteira, con desaparición do L intervocálico. Tamén provén desta variante latina o topónimo Fenteira, quizais a través dun latín vulgar *finictaria, presente nas nosas parroquias de Cabeiro, Cedeira ou Reboreda.
Doutra variante latina con sufixo colectivo en -aria, filicaria, desenvolvéronse as denominación toponímicas actuais Filgueira, Felgueira, Folgueira. Esta diferenza entre as tres formas explícase pola vacilación que sofre a primeira vogal átona, como explicamos máis arriba.
En Galicia estes diferentes topónimos son moi abundantes por todo o noso territorio, con máis dun milleiro de formas rexistradas.
No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.