O Esteiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Un esteiro é unha zona da costa onde desemboca un río e que se asolaga coa preamar, chegando incluso a formar lagoas. O Esteiro está situado na zona onde antigamente o río Pexegueiro desembocaba na marisma perdida de Redondela. Neste lugar xa existe documentada desde o século XVI a ponte do Esteiro e o río do Esteiro (actual río Pexegueiro nesa zona). Ao carón da ponte do Esteiro sitúase o tamén denominado cruceiro do Esteiro, restaurado en 2023. Procede do latín AESTUARIU "marea". En galego actual poden empregarse tanto as formas esteiro como estuario para designar estes lugares. Preto da punta da praia atopamos o lugar do Esteirón, forma derivada dun aumentativo de Esteiro a partir do sufixo -ón. Os topónimos derivados da palabra esteiro rexistran ao redor de duascentas formas recollidas en Galicia. No Foro que fixo o apoderado de Pedro de Sotomayor a Lorenzo de Lobelle (1549) xa aparece rexistrado este topónimo.