A Chan



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
San Pedro
DA PARROQUIA DE
Cesantes

Unha chá (na nosa área lingüística unha chan) é unha extensión plana de terreo, unha chaira. A súa orixe está no latín plana. En galego as palabras máis antigas do idioma perden o L e o N cando van entre dúas vogais, como ocorre con moitas palabras galegas como muíño (latín MOLINU), vixiar (latín VIGILARE), moer (latín MOLERE), lúa (latín LUNA), area (latín ARENA), coroa (latín CORONA) etc. A progresiva desaparición da consonante nasal N entre vogais pasa por unha fase en que as vogais conservan un rastro nasal; nunha seguinte fase esa nasalización das vogais desaparece completamente (meu irmao, miña irmá, mañá) como ocorre na maior do noso territorio, pero na franxa occidental de Galicia volve reaparecer a consoante nasal N en posición final das palabras (miña irmán, a mañán, a ran, a lan). No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.