O Cerqueiro



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
O Coto
DA PARROQUIA DE
Cesantes

O cerqueiro ou cerquiño é unha variedade de carballo da especie Quercus pyrenaica, Sinónimos: rebolo, carballo negro ou carballo mouro. Ten un tamaño menor ca o carballo común e presenta unha cortiza escura (por iso a denominación de carballo mouro). Esta palabra procede do latín QUERCUS, que pasou ao latín vulgar como CERCUS e deste a unha forma cerco, que non conservamos, da que derivaron os actuais cerqueiro e cerquiño, a través dos respectivos sufixos latinos -ARIU e -INU: cercariu, cercinu/cerquinu. O sufixo -ARIU deu lugar ao actual sufixo -eiro, que se emprega, entre outros, para a denominación das árbores: laranxeira, limoeiro etc. O sufixo latino -INU deu lugar ao actual sufixo -iño, que se emprega principalmente para expresar un tamaño pequeno. Outros autores apuntan tamén a posibilidade de que o topónimo Cerqueiro puidese non ter relación coa denominación deste tipo de carballo, senón que sexa un derivado de cerca, en latín circa, e faga referencia a un terreo cerrado ou delimitado. En Redondela rexistramos outro Cerqueiro na parroquia de Quintela. En Galicia existen máis de douscentos topónimos co nome Cerqueiro, Cerquiño e derivados, concentrados principalmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña. No Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de San Pedro de Cesantes, de 1763, xa aparece rexistrado este topónimo.