A Poza



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Pregal
DA PARROQUIA DE
Negros

Pozo (do latín PUTEUM) ou en feminino poza, designa un lugar cóncavo cheo de auga. Son moitos os lugares na parroquia de Negros que teñen o substantivo pozo, poza como lexema principal e/ou parte do topónimo. Na meirande parte dos casos veñen modificados por un complemento do nome que sitúa ben o lugar no que se atopan, ben a un propietario. Poza de Fixón, A Poza de Teodora, A Poza da Torre, As Pozas das Pedras Grandes, A Poza do Chiqueiro, A Poza do Cuchapel, A Poza dos Meixoeiros, A Poza da Pica Morena, A Poza de Agrochán, A Poza do Campo Río, Poza do Vello, Poza de Cadeláns, A Poza da Mo, A Poza do Pato, A Poza de Mourán (documéntase o segundo termo do topónimo mourán no Catastro de 1756 como unha terra de regadío). Na Poza da Quinta o substantivo quinta é un topónimo numeral partitivo que na toponimia alude á terra arrendada pola que se debía pagar un quinto do que producía. Esta división parece ser frecuente no reparto das herdanzas durante a Idade Media aínda que algún autores tamén referencian un costume musulmán de repartir as terras conquistadas. E por último, A Poza da Grela, a segunda parte do topónimo grela, provén de agrela; un diminutivo de agra que se emprega para aquelas grandes extensións de terra de cultivo dividida en leiras ou agros pertencentes a distintos donos. Segundo sinala Gonzalo Navaza en A toponimia de Catoira o a- inicial do nome agrela amalgama ao artigo feminino a o que orixina o topónimo A grela sen a presenza do primeiro a- do lexema e que neste caso como identificador dun lugar "A Grela".