O Cocho



MICROTOPÓNIMO DO BARRIO
Pregal
DA PARROQUIA DE
Negros

O substantivo cocho máis os seus derivados teñen moita presenza na toponimia galega sur-occidental. Ademais do comunmente coñecido cocho como sinónimo de porco, tamén garda relación co verbo acochar co significado de abrigo. Agora ben, neste caso é probable que designe un anaco de terra con linde a un paso común tal e como na fala oral fan emprego do termo cocho. Na parroquia de Negros atopamos O Cocho. Con morfema plural Os Cochos. Con morfemas derivativos e pechazón da vogal átona por asimilación o [i] tónico Os Cuchiños no Catastro de Ensenada (1756) como "O Cochiño". Con complementos de nome O Cocho das Pedras, O Cocho de Martes e O Cocho de Miguel. Este último aparece referenciado no Memorial cobrador de rentas para 1721. Con complementos de nome e pechazón da vogal átona: Os Cuchiños de Arriba e Os Cuchiños de Abaixo. No citado Memorial cobrador de rentas para 1721 recóllese a forma "del cocho de abajo", unha terra aforada pola cal tiñan que pagar "un ferrado y cuarto de trigo".E como segundo formante do topónimo a Fonte do Cocho e Veiga do Cocho. En 1721, no documento que citamos anteriormente, contémplase o topónimo "del cocho daeira", que non recollemos na actualidade.